Xullo 2018
M T W T F S S
« Xan    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

En Caamouco.Net

Un paseo por Monte da Chá

 IMG_20160116_131624110
Localización: Concello de Ferrol
Data: 16 de xaneiro de 2016
Distancia: 14.44 km
Altitude máxima: 194 m
Altitude mínima: 12 m
Bicicleta: Apta para bicicleta na súa totalidade.
Como chegar: Desde o complexo deportivo da Malata, continúase cara a Valón, xusto antes da rotonda parte a estrada a Brión, hai que dar a volta a rotonda.

Comentarios: Trátase dunha pequena ruta polo monte da Chá, con saída e chegada en Brión. Gozaremos dunhas vistas espectaculares do Lago de Doniños, da ría da Coruña, da ría e da cidade de Ferrol. Pasaremos polos pobos de O Espiño e Liñares.

O monte da Chá foi o escenario dunha batalla épica para a comarca de Ferrol, a batalla de Brión en agosto de 1800 entre tropas británicas e españolas. Todos os anos conmemórase por parte de Asociación de Veciños Castelao de Brión cunha ruta e unha comida/romaría.

https://gl.wikipedia.org/wiki/Batalla_de_Bri%C3%B3n

https://é.wikipedia.org/wiki/Batalla_de_Bri%C3%B3n

Seguir lendo Un paseo por Monte da Chá »

Penencia (Doniños)-Prioriño-O Pieiro

 IMG_20160114_101755257       Localización: Concello de Ferrol
 Data: 14 de xaneiro de 2016
Distancia: 14.44 km
 Altitude máxima:  194 m
 Altitude mínima:   12 m
 Bicicleta:  Apta para bicicleta na súa totalidade.
 Como chegar: Autoestrada AP-9, despois da ponte da ría de Ferrol, saída ao polígono Rio do Pozo, estrada nova ao porto exterior, ao cabo duns cantos quilómetros se colle a saída a Valón/Prioriño/ Praia de Doniños e unha vez na estrada de Doniños se continua ata o final da estrada.
Desde o complexo deportivo da Malata, continúase cara a Valón, no cruce de Valón séguese cara a Doniños.

Comentarios:

Esta ruta percorre unha zona de Ferrol que a min, en particular, gústame moito. Percorre a costa oeste desde Penencia a Prioriño e volta por O Pieiro e Monteventoso, aínda que nesta ocasión non subín. Ten un pouco de todo, vistas espléndidas da costa oeste, paraxes agrestes e solitarios, ruínas das antigas baterías de costa, pobos apartados e moi pouco asfalto. É moi parecida a: http://pateo.caamouco.net/archives/876

Seguir lendo Penencia (Doniños)-Prioriño-O Pieiro »

Os bosques de Galicia

Nas conversacións, cada vez que xorde o tema dos bosques en Galicia, aparecen os eucaliptos. Esas bestas vexetais, eses monstros que esnaquizan os bosques, non son árbores. E non digamos dos que os plantan, insensibles, só pensan no diñeiro, se deixasen o monte como estaba, van acabar con todo.

O bo do asunto é que todos teñen razón, os que están a favor e os que están en contra. O que ten un monte, que non vale nada, ou que si que vale, quererá sacarlle beneficio, e se pode ser máis pronto que tarde mellor.

Existen unha chea de razóns a favor do eucalipto e de quen os planta, cada un atopa as súas. Da mesma forma os que están en contra, tamén, atópanas.

O que non ten discusión é que a superficie plantada de eucalipto cada vez é maior, en detrimento de as especies autóctonas e, por exemplo, o piñeiro. Vese polo monte talas de piñeiro que replantáronse de eucalipto. Hai noticias que falan de superficie duplicada nos últimos 15 anos, iso e moita superficie.

Antes limitábase á zona da costa, por iso de que o eucaliptos non soportaban as xeadas. Pero coa implantación do “Eucalitus nitens” que soporta moito mellor o frío e as pragas estase a expandir ao resto de Galicia. Nestes últimos anos están a aparecer manchas en Becerrea, Navia de Suarna, etc. O de Lugo xa hai tempo que o traspasaron. É cuestión de tempo que invadan o resto de Galicia.

O problema é tal que en Asturias un tribunal ditou sentencia en contra do “nitens”:

http://www.ecoticias.com/naturaleza/107703/tribunal-confirma-eucalyptus-peligroso-biodiversidad-Asturias.

Nos, en Galicia, estamos a espera, coma sempre.

Seguir lendo Os bosques de Galicia »

Nacemento do río Miño. O Pedregal – Corno de Órrea

 PB140344       Localización: Concello de Meira
 Data:  14 de novembro de 2015
Distancia: 16.48 km
 Altitude máxima:  896 m
 Altitude mínima:   583 m
 Bicicleta:  Apta para bicicleta na súa totalidade.
 Como chegar: Situándonos na praza maior de Meira, temos que ir cara ao pedregal de Irimia, deixando o concello e a igrexa de Santa María á dereita. Nas seguintes cruces está marcado como Pedregal de Irimia. Pasamos o pobo de Enfermería, unha área recreativa ás beiras do río Miño, un pouco abandonada. Pasamos tamén pola aula da natureza e, ollo co seguinte cruzamento, hai que desviarse á dereita (está sinalizado). Pasamos o pedregal de Irimia, deixamos atrás Irimia Alta e Baixa, o cartel da ruta de Miño-Eo e, despois de dous quilómetros, chegamos á cordal dos aeroxeradores. Nese cruzamento dirixímonos á esquerda, cara a Xeixosmil. No seguinte cruzamento deixamos o coche.

Comentarios:

O curioso desta ruta é que imos relatar un dos nacementos do río Miño. Digo un, porque o Miño ten dous nacementos, o pedregal de Irimia e lagoa de Fontemiña. Dependendo que texto consultemos temos un nacemento ou outro. Na páxina do concello da Pastoriza, nace en Fontemiña e no concello de Meira, en serra de Meira. Para este artigo consideramos o nacemento no pedregal de Irimia, eu sempre lle fixen caso aos mapas oficiais e estes están moi claros.

A ruta percorre case toda a cordal da serra de Meira, desde a estrada que vai a Xeixosmil, ata o corno da Órrea. As vistas son espectaculares por unha banda terra Cha e polo outro, montañoso, o val do río Eo. Mágoa de que toda a cordal esta plantada desas máquinas (os aeroxeradores) de facer diñeiro a consta dos dos recursos de todos nós, tanto en cartos como naturais.

Seguir lendo Nacemento do río Miño. O Pedregal — Corno de Órrea »

PRG-155. Ruta do miradoiro da Terra Cha

IMG_20151108_114648025 Localización: Concello de Outeiro de rei
Data: 08 de novembro de 2015
Distancia: 12,82 Km.
Como chegar: Na nacional VI no quilómetro 516.5, hai un cruzamento que nos leva á parroquia de Gaioso. Un pouco máis adiante , nunha rotonda, atopamos o cartel de Penas de Rodas, seguímolo pola estrada de Friol (LU-P-5101) uns 2,5 quilómetros. Pasamos en ponte do río Ladra e xa estamos no concello de Outeiro de rei. A partir de aquí seguir as indicacións Penas de Rodas, ata A Feira. Un bo sitio para deixar o coche é xusto en campo da Feira.
Bicicleta: Apta para bicicleta na súa totalidade.

Comentarios: A ruta parte do lugar da Feira, na parroquia de Gaioso. O nome, como se pode imaxinar, vén dado porque ata mediados do século pasado celebrábase unha feira á que acudían xentes das parroquias limítrofes do concello de Outeiro de Rei para vender ou comprar gando, produtos das hortas e todo tipo de artesanía e ferramentas. O campo da feira é unha carballeira moi ben conservada nun cruzamento de camiños, dos cales un sobe ás Penas dás Rodas, pero a nosa ruta non vai ser tan fácil, primeiro teremos que dar unha volta pola contorna. No campo da feira hai un cartel explicativo da ruta e diríxenos cara á dereita por unha pista asfaltada, que pronto deixaremos para continuar por un camiño. Hai que dicir que a ruta está bastante ben marcada, pero necesita un pouco de mantemento, non estaría demais pegarlle un repaso ás marcas. Seguir lendo PRG-155. Ruta do miradoiro da Terra Cha »

Chavín-Curro de Candaoso-Poza da Ferida

IMG_20150613_163040210_HDR Localización: Concello de Viveiro
Data: 13 de xuño de 2015
Distancia: 18,56 Km.
Como chegar: Partindo de Viveiro hai ir pola estrada LU-540 en dirección a Vilalba e no quilómetro 3,5 desviámonos a Chavín, pola estrada LU-161. Está sobre o quilómetro 2,5.

Comentarios: o coche deixámolo aparcado á beira da estrada, á altura da entrada ao Souto da Retorta, fai uns anos había un aparcamento, hoxe está valado. Deixamos o coche neste punto porque antes de comezar a ruta visitamos ao “avó”, tremendo eucalipto de 80 metros de altura. Recomendo visitar o Souto da Retorta, declarado Monumento Natural, segue a canle do río entre árbores centenarios, plantados para frear as acometidas do Landro. Ao final do carreiro, levántase o Avó, unha árbore plantada fai case 130 anos.

Unha vez visitado o “avó”, continuamos no coche pola estrada sobre un quilómetro en dirección a Mondoñedo, para seguir coa ruta que nos trouxo ata aquí, ata o cruzamento co sinal de Allares, Norarido, Rivas e Piñeiro, por aí viriamos de volta. Un pouco máis adiante podemos deixar o coche. Comezamos a ruta retrocedendo un pouco ata o cruzamento sinalando Os Tarabelos, para subir e seguir polo camiño que aparece á esquerda a uns dez metros. Pasamos polas aldeas de Reboiras, Peneiriña, Condomiñas, Castiñeiras e emprendemos a subida pola Fraga de Saímas ata o curro de Candaoso dos montes de Buio.

Seguir lendo Chavín-Curro de Candaoso-Poza da Ferida »

Río Eume e Endesa

Este xaneiro un tal Marcos de Pontedeume, mandoume un correo preguntando, en nome da ONG “AEMS – Ríos con Vida” (http://riosconvida.es/riosconvida.htm), se tiña algunha fotografía ou vídeo do río Eume, onde se poida apreciar o caudal no tramo desde o pantano ata a central.

Falamos de que non levaba apenas auga, que a que hai é traída polo regato de Morixoso e unha pequena fuga no fondo da parede da presa. Realizou un vídeo no que se pode ver con claridade a escasa cantidade de auga que deixa pasar a presa. Como resultado de todo isto saíu un informe para “AEMS – Ríos con Vida” que podedes ver na seguinte dirección:

http://www.riosconvida.es/pdfs/informes/InformeEume-Endesa.pdf

http://riosconvida.es/pdfs/comunicados/ComunicadoDePrensa_FiscaliaEume.doc

E tamén unha respectiva denuncia que viu a luz o outro día. Por mor disto diversos medios de comunicación fixéronse eco do asunto:

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2010/04/22/00031271924508081583885.htm

http://www.youtube.com/aemsriosconvida#p/a/u/0/b3OLDRCXiuE

Haber se con isto ponse fin á barbarie que durante estes anos esta cometendo a empresa ENDESA con tan emblemático río. Non lles basta con construírlle dúas presas, secar mais de tres quilómetros de río que tamen fan a animalada da mina-lago.

Falando da animalada, a cantidade de auga que lle están sacando ao río Eume é enorme. Non contentos con isto, ao redor do vertedoiro da mina, bordeando o Forgoselo, hai unha canle de cemento duns dous metros de ancho que recolle a auga de todos os regatos da zona e lévaa cara á antiga mina, non sei exactamente onde porque o teñen prohibido, ou se podía dicir, escondido, é zona industrial. O penoso é ver a todos eses regatos secuestrados en beneficio dunha empresa. Pero isto é asunto para outro articulo.

O caso é que polo menos a denuncia esta en marcha e a batalla vai ser dura, é unha loita entre David e Goliat. Desde aquí quero dar as grazas a “AEMS – Ríos con Vida” e en especial a Marcos, polo informe tan detallado que fixo, moitas grazas.

Castelos e Mosteiros

P8290057

Localización: Concello de A Capela, San Sadurniño e Moeche
Data: 29 de agosto de 2009
Distancia: 31,67 Km.
Como chegar: Estrada de Cabanas ás Pontes (AC-564 antes AC-141 ou AC-142) sobre o quilómetro 11 atópase a localidade de As Neves no concello de A Capela. No centro do pobo vaise polo desvío a dereita cara a central eléctrica do Eume e en un quilómetro mais ou menos, despois de pasar onde se fan as vodas, collese a dereita pola estrada que vai a Pazo.

Comentarios: No artigo http://pateo.caamouco.net/gl/archives/561#more-561  falaba dalgún día seguir a ruta dos Castelos e Mosteiros, pois ben ese día chegou. Teño que dicir tamén que como o seu nome indica pasará por castelos e mosteiros, pois non, só pasa por castelos, en concreto dous, Narahío e Moeche, bótanse en falta os mosteiros. O interesante é que fóra desde o Mosteiro de Monfero ata Moeche.

A ruta sae de Pazo na Capela (teño lido que o concello toma o seu nome da igrexa que se erixe en Pazo), segue un tramo do río Belelle ata Cabalar, de aí sobe a Racamonde, no Forgoselo, para baixar, a continuación, ao castelo de Narahío. Segue o curso do río Castro até subir a Igrexafeita e atravesa a autovía das Pontes. Neste tramo lieime e perdín as marcas para atopalas mais adiante. A partir de aquí xa estamos en terras de Moeche.

Seguir lendo Castelos e Mosteiros »

A voltas polo monte da Carballeira

P7200064

Localización: Concello de As Pontes de Garcia Rodríguez
Data: 20 de xuño de 2009
Distancia: 15,61 Km.
Como chegar: Nas Pontes de García Rodríguez, a praza do Hospital, no centro da cidade, continuase pola estrada a Vilalba e a pouco máis dun quilómetro atopase a casa abandonada da cruz vermella.

Comentarios: A ruta proposta hoxe percorre as terras altas das Pontes polo monte da Carballeira pasando por O Caneiro e A Vacariza e gozando das vistas das Pontes e, polo leste, as terras de Muras. A pena é que se pisa mais asfalto do desexado.

A saída é desde a casa abandonada da cruz vermella na estrada de Vilalba, a pouco máis dun quilómetro das Pontes. A un quilómetro e medio está a aldea de Parano, aquí deixamos a estrada xeral e desviámonos pola esquerda por unha pista, en subida, cara ao monte Carballeira. Ao chegar a un cruzamento deixamos o camiño que nos vén pola dereita, por aquí viremos despois, e ímonos á esquerda, cara aos aeroxeradores. Pódese ver desde aquí todo o pobo das Pontes e o súa “mina-lago” enchéndose. Pronto chegaremos á estrada que vai a O Caneiro que seguiremos pola dereita até precisamente ese pobo. Neste tramo a estrada vai sempre en baixada até chegar ao fondo do val do río Eume, na outra beira están as terras de Muras. En O Caneiro podémonos desviar á esquerda (está perfectamente sinalizado) para gozar da área recreativa, do mesmo nome, a beira do río Eume. Seguir lendo A voltas polo monte da Carballeira »

Ventureira-Caaveiro-Altos de Saguiñedo-Encoro

P7180019

Localización: Concello de Monfero
Data: 18 de xullo de 2009
Distancia: 18,81 Km.
Como chegar: Autoestrada AP-9, saída de Pontedeume, xusto despois do peaxe se colle estrada que vai As Pontes ata As Neves, no Concello Da Capela. Dende aquí, vaise polo desvío da central eléctrica do Eume.

Comentarios: Síntoo pero as Fragas do Eume téñenme enmeigado, non me canso de patealas, cada día que vou sempre me parecen distintas. Eses bosques, eses ríos, eses animais…

A ruta de hoxe vai desde a estrada da central do Eume, moi preto da vella central da Ventureira, pasa polo mosteiro de Caaveiro, a central do Parrote, subimos a O Rodeiro (unha subida de 300 metros en zigzag), imos pola Torre de San Bartolomeu, subimos aos altos de Sanguiñedo e de aí baixamos ao encoro do Eume para regresar á central da Ventureira. En total son uns 19 quilómetros por unhas paraxes espléndidas. Seguir lendo Ventureira-Caaveiro-Altos de Saguiñedo-Encoro »