Setembro 2018
M T W T F S S
« Xan    
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

En Caamouco.Net

Chavín-Curro de Candaoso-Poza da Ferida

IMG_20150613_163040210_HDR Localización: Concello de Viveiro
Data: 13 de xuño de 2015
Distancia: 18,56 Km.
Como chegar: Partindo de Viveiro hai ir pola estrada LU-540 en dirección a Vilalba e no quilómetro 3,5 desviámonos a Chavín, pola estrada LU-161. Está sobre o quilómetro 2,5.

Comentarios: o coche deixámolo aparcado á beira da estrada, á altura da entrada ao Souto da Retorta, fai uns anos había un aparcamento, hoxe está valado. Deixamos o coche neste punto porque antes de comezar a ruta visitamos ao “avó”, tremendo eucalipto de 80 metros de altura. Recomendo visitar o Souto da Retorta, declarado Monumento Natural, segue a canle do río entre árbores centenarios, plantados para frear as acometidas do Landro. Ao final do carreiro, levántase o Avó, unha árbore plantada fai case 130 anos.

Unha vez visitado o “avó”, continuamos no coche pola estrada sobre un quilómetro en dirección a Mondoñedo, para seguir coa ruta que nos trouxo ata aquí, ata o cruzamento co sinal de Allares, Norarido, Rivas e Piñeiro, por aí viriamos de volta. Un pouco máis adiante podemos deixar o coche. Comezamos a ruta retrocedendo un pouco ata o cruzamento sinalando Os Tarabelos, para subir e seguir polo camiño que aparece á esquerda a uns dez metros. Pasamos polas aldeas de Reboiras, Peneiriña, Condomiñas, Castiñeiras e emprendemos a subida pola Fraga de Saímas ata o curro de Candaoso dos montes de Buio.

A fraga Saímas é unha pequena fraga autóctona que se agradece logo de ver todo ese eucalipto que invade os bosques galegos. Predomina o Carballo pero atoparémonos con Castiñeiros, Acebos, Salgueiros, Abedules, Sanguiños e demais arbores do bosque caducifolio. No sotobosque abunda, como non, o felgo, pero destacan as arandeiras, sobre todo na parte esquerda, segundo sobes. A parte dereita está ocupada polo río Castiñeiras.

Na parte alta está o Curro de Candaoso. Bonita contorna cunhas instalacións que os comuneiros utilizan para celebrar o día de rápalas que se celebra o primeiro domingo de xullo, a non ser que o día coincida en domingo, nese caso celébrase o segundo domingo.

Logo de admirar a contorna do curro subimos polo camiño da esquerda. Ao pasar por un cruzamento que vai aos aeroxeradores, desviámonos á esquerda, campo a través, cara a un piñeiral. Atravesamos o piñeiral sempre cara abaixo ata chegar a un camiño. Aquí hai dúas opcións, unha é campo a través, a que fixemos nós, e a outra é seguir polo camiño á esquerda. Seguindo o camiño pola esquerda chegamos a unha pista asfaltada, un pouco antes dunhas casas (Cuiña). Ímonos pola dereita seguindo a pista ata outro cruzamento que, pola esquerda vai ás casas de Choia, nós, continuamos pola dereita ata un novo cruzamento (150 metros), esta vez cun camiño á esquerda. Este camiño pasa por unha casa de pedra abandonada, O Cal, e déixanos noutra aldea, O Castro.

Á dereita vese o cartel, xunta a unha casa en ruínas, que sinala a Poza dá Ferida. Este camiño é de ida e volta para admirar esta preciosa fervenza.

Á volta, continuamos pola dereita seguindo un camiño ancho de terra en moi bo estado, poden pasar coches. Andando uns tres quilómetros cambia a asfalto e seguimos recto ata chegar á estrada de Mondoñedo e, de aí ao coche.

Descarga do Track: Chavin-Rapa das Bestas de Candaoso-Poza da Ferida 13 de xuño de 2015

Souto da Retorta

Chavin 1

 

Leave a Reply