Setembro 2019
M T W T F S S
« Xan    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30  

En Caamouco.Net

De Betanzos a As Neves

betanzos-as-neves-28-de-marzo-de-2009-25

Localización: Concellos de Betanzos, Paderne, Irixoa, Monfero e A Capela
Data: 28 de marzo de 2009
Distancia: 44,88 Km.
Como chegar: Non creo necesario dicir onde queda Betanzos.

Comentarios:
A ruta proposta vai desde Betanzos ata As Neves tomando parte do seu trazado do carreiro de longo percorrido GR-50 ou tamén coñecido como a ruta do Medievo, parte de Chelo e finaliza no cabo Ortegal.
Pártese de Betanzos seguindo a ribeira do río Mandeo, pásase por Chelo subimos a Vigo, no concello de Paderne, continuamos por San Mamede, Adragonte e, en Irixoa, O Lapido, Ambroa, atravesamos o río Lambre. No concello de Monfero imos por Rebordelo, Mosteiro de Santa María, Queixeiro e baixamos ás Fragas do Eume, para pasar por Caaveiro e subir ás Neves no concello da Capela. En total son case 45 quilómetros.
En Betanzos na Praza do Campo (onde botan o globo) imos un pouco en dirección Madrid pola Avenida de Castela para baixar pola nosa esquerda pola rúa dos Angeles e así coller a pista (camiño de Armea) que vai bordeando o río Mandeo. No próximo cruce baixamos pola esquerda para seguir o río, a final da pista atopámonos cun paseo que percorre o río pegadiño a el. Continuando polo camiño e sempre seguindo as cruces á esquerda chegamos ao sitio onde fan a romaría dos Caneiros, unha gran chaira plantada de arbores (Platanos) con parrilladas e un entorno precioso. Continuando, cambiamos de beira na Ponte de Teixeiro, para seguir por un camiño moi cómodo ata chegar a Chelo. A medio camiño veremos unhas marcas brancas e vermellas, son as do carreiro GR-50 que de momento non seguiremos.
Merece a pena pararse en Chelo e visitar a Aula da Natureza que nos ensinará o entorno do rio Mandeo coa súa flora e fauna. Tamén nos indicaran que existe un carreiro río arriba por toda a beira do río, é a que imos seguir, ata a central hidroeléctrica do Zarzo, por certo, que non ten nada que envexar ao seu irmán maior o río Eume. Merece a pena volver un día para percorrer esta senda con máis calma pois promete moito.
Desde a céntral do Zarzo sube unha pista cara a Vigo (non o de Potevedra), que atravesamos ata tropezarnos coa igrexa para seguir pola esquerda, unha estrada recta (non parece acabarse nunca). Na primeira curva ímonos pola esquerda en busca do carreiro GR-50. Para iso seguimos o camiño e, cando parece que se acaba continuamos de fronte e imos por un camiño de carro, para desembocar noutro un pouco máis ancho e arranxado que o seguimos pola dereita dirixímonos a Adragonte. Aquí xa vemos as marcas brancas e vermellas que nos indican que estamos no carreiro. A partir de aquí nos resta seguir esas marcas ata Caaveiro, parece fácil, pero a verdade é que non o é, pois as marcas están borradas en moitos sitios e chegaremos a cruces que non saberemos por onde ir (eu xogo con vantaxe, levo ao meu amigo o GPS).
Pasado Adragonte dirixímonos á aldea de Pedreira e de alí chegamos á estrada CP-0905 que vai de Betanzos a Irixoa. Ímonos pola esquerda ata un cruce cun cruceiro, que o collemos pola dereita, o seguinte á dereita e o outro á dereita. Aquí abandonamos o asfalto para seguir por un camiño que atravesa un eucaliptal. Neste camiño hai poucas marcas, pero seguimos todos os cruces de fronte até chegar a unha “Y” para irnos pola súa dereita ata unha estrada. Á esquerda esta Lapido e mais alá Ambroa coa súa igrexa, grande a pesar do pequeno da aldea. Pasada a igrexa ímonos pola dereita e, no seguinte tamén á dereita para penetrar noutro bosque de eucaliptos.
Ao divisar as casas de Os Chaos, o carreiro mándanos seguir un camiño en moi mal estado, está pechado de maleza, eu recomendo seguir de fronte e pasar a aldea á esquerda, chegaremos ao mesmo sitio á Ponte Nova sobre o río Lambre. Ao pouco de pasala desviámonos polo primeiro camiño á dereita, seguimos a canle do Lambre un intre, precioso. O camiño empeza a subir, aquí está en moi mal estado por culpa dos madeireiros que deixaron todas as ramas no chan e faise moi difícil camiñar. A subida finaliza en cruce cunha pista que vai pola esquerda ata Escanoi, na estrada ímonos pola esquerda e no seguinte, pola dereita ao intre abandonamos o asfalto e continuamos de fronte por un camiño de terra. Deixamos o concello de Irixoa para meternos no de Monfero. O seguinte tramo é un pouco difícil de explicar xa que o carreiro vai por un atallo monte a través, nós podemos seguir o camiño até chegar A Parrocha e continuar pola dereita, nun xiro case de 180º, na seguinte aldea (Vilaboi) á esquerda e en Embeade á dereita, o seguinte cruce á esquerda, e temos que chegar á Ponte dos Paranos, unha pequena ponte sobre O Rego dos Paranos, veremos as marcas na varanda. Continuando estrada adiante desviámonos, pola esquerda, a O Capelo e ao pouco chegamos á estrada AC-152, onde está a casa do concello. Seguimos por esta estrada e no primeiro cruce á esquerda seguímolo. Aquí o mesmo que antes, o carreiro se mente nun prado e logo vai monte a través, eu recomendo continuar pola pista asfaltada e no próximo cruce seguir de fronte, co que chegaremos ao mosteiro de Monfero, de Santa María de Monfero ou da Virxe da Cela, como queirades nomealo. Este entorno é propicio para unha visita máis en profundidade, pois tanto o mosteiro como os arredores dan moito de si, sobre todo os montes que hai detrás (O monte da Cela).
Deixamos o mosteiro e subimos pola pista da esquerda e atravesamos o pobo de O Lameiro, sempre seguindo as marcas brancas e vermellas. Saímos por baixo dunha parra a un camiño, pasamos unha barreira de madeira para o gando e subindo monte chegamos a Visura á altura dun hórreo, na esquina vemos as marcas do carreiro, continuamos pola pista de en fronte ata un cruce aos pés dun penedo, non ten perdida o mole de pedra vese perfectamente. Neste cruce seguimos pola dereita e pista adiante. Despois dun quilómetro atopamos un camiño bastante ancho á nosa esquerda seguímolo e imos paralelos á Serra de Queixeiro cun penedo bastante alto. Hai poucos anos (tres aproximadamente) podíase subir para admirar as magnificas vistas, pero agora os toxos creceron e deféndense con mala leite, o que teña “ganas” aínda o pode facer.
Ao final do camiño, xusto cando se pisa o asfalto, pasamos por unha base da Xunta para loitar contra o lume e detrás parece ser que hai un circuíto de motocrós, digo; parece ser, porque non me parei nunca a velo. Na base teño visto helicópteros e montan garda cuadrillas apagalumes.
Continuando a estrada pola esquerda chegamos a Queixeiro. No cruce seguimos pola pista de asfalto da dereita. O outro cruce tamén pola dereita e o próximo pola esquerda, pasamos o cámping de O Redondo e no cruce seguinte seguimos de fronte. Continuando a pista de asfalto pasamos por O Rodeiro e ao final das casas acábase, o asfalto. Continuamos por un camiño de baixada ata unha torre de alta tensión. Este é o punto onde nos internamos nas fragas do Eume e desde aquí pódense ver en todo o seu esplendor. O camiño convértese en carreiro e baixa en picado (ollo se esta mollado porque escorrega moito a pedra e podes deixar o cu nela). Cada vez internámonos máis nas fragas para admirar a flora autóctona, carballos, castaños, loureiros, madroños e un longo etcétera. A baixada en zigzag, ao ser con bastante pendente, faise un pouco dura, doen as coxas unha chea.
Abaixo chegamos á desembocadura do río Parrote ao río Eume, hai unha central eléctrica que aproveita a caída do río Parrote para xerar electricidade. Continuamos pola esquerda por un carreiro a todo o longo do río Eume, admirando esas marabillosas Fragas que, no momento de pasar, estaban a brotar as follas dun verde claro precioso. Na ponte de Santa Cristina, sobre o río Eume, subimos ao Mosteiro de Caaveiro, o carreiro GR-50 continua por unha senda que hai á dereita da casa que esta fora do recinto, pero eu subín polo antigo camiño medieval polo que se acedía ao mosteiro, para iso baixamos ao río Sesín e pasando a ponte, que por certo o entorno encántame, subese en forte pendente ata Pousadoiro. Para acometer esta subida hai que tomalo con calma, levamos no corpo sobre 40 quilómetros e as pernas non están para moitos trotes. Arriba de todo atopamos un pobo abandonado, Pousadoiro. Un pouco antes de chegar hai, pola nosa dereita, un desvío que nos leva A Capela, pequena aldea onde se atopa a igrexa parroquial de Santiago da Capela, de onde toma nome o concello.
En Pousadoiro continuamos pola pista e, sen abandonar o asfalto, chegamos a un cruce que, pola dereita lévanos a Pazo e A Capela e pola esquerda directos a As Neves, a nosa meta, percorreriamos 44,88 quilómetros.

Descarga do Track: betanzos-as-neves-28-de-marzo-de-2009

Leave a Reply