Setembro 2018
M T W T F S S
« Xan    
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

En Caamouco.Net

Curmá – Cabanas – Pico Castro – Santa Cruz – Laraxe

p4030005

Localización: Concellos de Ares e Cabanas
Data: 03 de abril de 2009
Distancia: 17,64 Km.
Como chegar: Autoestrada AP-9, saída de Pontedeume, continúase a Cabanas, rotonda a dereita dirección Ferrol (N-651). No seguinte cruce a esquerda cara a Mugardos (AC-122). Ao chegar a un cruce regulado por semáforo, viramos a esquerda a Redes-Ares. O próximo cruce imos pola dereita dirección Ares pola estrada CP-0401, pasamos unha casa grande, ignoramos un cruce a esquerda e outro a dereita continuamos ata unha curva pronunciada a esquerdas. Xusto despois da curva baixamos pola esquerda (hai un cartel indicativo de Club de Tenis). Ao pouco chegamos unha praza cun farol no medio, ese é o centro do mundo coñecido.

Comentarios:
Imos ir a Cabanas por toda a costa pasando por Redes, Río Sandeu ou Sandeo, Río Castro, Praia de Chamoso, Praia da Magdalena e subimos a Pena do Raposo e Pico do Castro para logo volver por Santa Cruz e Laraxe.
Partimos de Curmá baixando a Redes por un camiño asfaltado, pasamos diante do club de tenis e o seguinte cruce á esquerda para coller polo do medio no próximo, pasamos por un lavadoiro (Río Novo) e a rúa Abaixo, atravesamos a avenida de Gaspar Rodríguez, continuamos pola rúa do Medio e seguimos, virando á esquerda en subida pola rúa da Ribeira, pasamos o acceso á praia da Area Morta e en subida desviámonos por unha senda á dereita (Coidado que co chan mollado escorrega o pavimento novo que puxeron) que pasa por encima da Area Morta paramos a admirar as vistas de Redes.
Continuamos pola senda, sen desviarnos e pegados á ribeira, percorremos un bosque de eucaliptos, piñeiros e castiñeiros para chegar a Río Sandeu, un pequeno regato que lle dá nome á praia onde morre. Continuando estrada arriba tomamos o seguinte cruce á dereita, pasamos pola praia de Coído e collemos o seguinte camiño pola dereita, chegamos a unha estrada e ímonos pola dereita, pasamos pola praia de Almieiras e máis adiante esta Río Castro, unha praia na que desemboca o río, na mesma praia hai unhas ruínas dun muíño.
Seguindo máis adiante e sempre pola dereita chegamos a un camiño que nos interna nun pequeno bosque de castiñeiros. Continuando o carreiro polo bosque cruzamos entre a ribeira e un pechado dunha casa, coidado ao pasar.
Na estrada ímonos pola dereita para, pola esquerda, baixar á praia de Chamoso. Un pouco antes da baixada propiamente dita, suben unhas escaleiras de terra pola esquerda, entre toxos. Unha vez arriba séguese un carreiro entre eucaliptos á esquerda, mentres que á dereita e sobre a ribeira hai carballos, castaños e loureiros. Seguindo o carreiro chegamos a unhas escaleiras de terra en mal estado que baixan á praia da Magdalena, coidado ao baixar pois a cuada pode ser sonora.
Atravesamos a praia ou polo paseo ou polo piñeiral, ao final, onde fai unha curva a estrada, cruzamos para pasar por baixo da vía do tren, seguir de fronte e cruzar a estrada N-651, onde hai un cruceiro. Continuamos de fronte, ao cabo duns cen metros, desviámonos á esquerda. A partir de aquí temos que tomalo con calma, pois a subida tráellas, pero o problema non acaba aquí, ata coroar o pico Castro todo é en subida. Comezamos por unha rúa asfaltada camiño da parte alta de Cabanas, pasado un colexio chegamos a unha “i” grega, ímonos pola esquerda e no seguinte cruce de rúas á dereita. Continuamos pola rúa de en fronte, despois de atravesar a estrada, á beira do muro do Pazo de Riobó. A pendente da rúa tráellas, seguimos todos as cruces en dirección cara arriba, despois dunha curva en 90º a dereita collemos o cruce á esquerda e no seguinte á dereita o próximo á esquerda. Pasamos o depósito de augas de Cabanas e continuamos pola dereita. Ao principio é asfalto para despois pasar a terra, o camiño rodea a Pena do Raposo. Este é un camiño ancho e fácil de andar, a pendente dános un respiro, suavízase, atravesamos un bosque mixto (hai de todo).
Ao chegar a unhas casas, pisamos outra vez asfalto, ímonos pola dereita e no cruce seguinte pola esquerda (cara arriba). A pendente aumenta e ao pasar uns depósitos de auga continuamos pola dereita para abandonar o asfalto. O camiño ao principio baixa, pero é para confiarnos por que ao intre volve empinarse pero máis aínda. Cando levamos aproximadamente un quilometro de camiño comeza o final de costa, pois ben, o eucaliptal da esquerda lévanos á cima do Pico Castro, así que aínda non acabou o sufrimento, toca subilo. Existen unhas marcas nun camiño próximo ao eucaliptal que nos din que o carreiro segue por aí, pero iso era antes de que os toxos e demais espiñas crecesen, polo que nos obrigan ao campo a través.
Unha vez na cima a vista é impresionante, a condición de que rocen os toxos de dous metros de altura, pero se intúen unhas vistas sobre a ría de Ares bonitas, bonitas.
A baixada é por o outro camiño de en fronte pero eu recomendo ir por onde viñemos (eucaliptal abaixo) por culpa da maleza, ao chegar ao camiño outra vez, continuamos pola esquerda. Pasamos unha aldea (creo que A Lameira) e no cruce ímonos pola dereita, no próximo pola esquerda e o outro de fronte. Cando cheguemos ao seguinte cruce continuamos pola esquerda camiño de Santa Cruz. A partir de aquí xa podemos respirar, todo é en baixada ata Redes. Pasamos por Feal, Santa Cruz, Laraxe. Atravesamos a estrada N-651 e xusto enfronte temos a que vai a Limodre, pasamos por encima da autoestrada e continuamos a Limodre. Ímonos pola estrada en dirección a San Xoán e no primeiro cruce á esquerda seguímolo, continuamos pola Malata e, sempre por asfalto, ímonos pola esquerda, pasamos a igrexa de Caamouco, e baixando, baixando ata o cruce coa estrada de Redes, cambiamos á estrada de Ares e no primeiro cruce pola esquerda, pasamos polo lavadoiro e á dereita e seguimos o mesmo camiño de ida a Curmá.


Descarga do Track: curma-cabanas-pico-castro-ribas-santa-cruz-laraxe-limodre-03-de-abril-de-2009

Leave a Reply