Setembro 2018
M T W T F S S
« Xan    
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

En Caamouco.Net

Río Sor: Grañas do Sor – Auga Caída – Coriscada

p4100133

   
Localización: Concello de Mañón
Data: 10 de abril de 2009
Distancia: 35,54 Km.
Como chegar: No centro das Pontes de García Rodríguez estrada de Ortigueira (AC-101), pásase polo alto do Caxado, co radar de navegación de AENA. Á altura do quilómetro 18 atopámonos cun cruce de O Barqueiro (CP-4401). Sobre o quilómetro 3 chegamos a Grañas do Sor, aquí deixaremos o coche, nunha especie de praza, sen que estorbe porqué ten que pasar todo o día.

Comentarios:
Con esta ruta acabei o día un pouco deprimido, ao principio da mañá todo eran paisaxes preciosas, o tempo acompañaba coa súa choiva intermitente sobre o río, a vexetación húmida, un verde limpo e claro. Á tarde na serra da Coriscada a cousa cambio de súpeto. Cando un vai a montaña vai buscando a paz, o silencio, a soidade, rota polo canto dos paxaros ou polos animais que se cruzan no teu camiño. Isto parece bucólico pero é realidade, na montaña vívese iso e moitas outras cousas. Este día todo iso foise ao garete, ao subir á serra o primeiro que ves son uns aeroxeradores, ata aquí pode ser normal, o problema e o motivo da miña frustración é que todo o que vin ao meo redor, todos os cumes que podía divisar, e eran moitos, estaban cheos deses postes de facer diñeiro, eses enxendros da industria, co seu zumbido e chirridos que afogan o rumor dos piñeiros, o canto dos paxaros. Eu non estou en contra da enerxía eólica, é necesaria, o que me molesta é o plantar sen control todos eses postes, o non poder ir a ningunha montaña sen que haxa un e o peor é que aínda queren pór máis, onde ¿nos Ancares ¿no Courel?
Na primeira parte da ruta proposta imos seguir os pasos doutra ruta a do Río Sor: As Grañas do Sor – O Cascón, para continuar río abaixo ata a fervenza de Augas Caídas, en total percorremos 16 quilómetros pola conca do río. Subimos ao miradoiro e encamiñámonos ao alto da Coriscada e “admirar” as vistas sobre o cabo Ortegal cos Farallons (o único sitio onde non hai muíños) e o pobo de Cariño, a serra da Capelada. Isto polo oeste pero polo leste podemos admirar as serras do Xistral e a Gañidoira.
O coche podémolo deixar nas Grañas do Sor. Baixamos pola estrada ata Arganzo e atoparnos co río. Pasamos á outra beira por unha ponte de madeira para deixar o río á nosa esquerda. Continuamos río abaixo observando a vexetación de ribeira e gozando do paseo. Pasamos por un muíño abandonado, por Ribeira do Bispo, onde cambiamos de beira, e por unha área recreativa cun refuxio, aproveitamos para sentarnos e comer unha froita ao abrigo da choiva. Por certo na cheminea aínda había brasas acesas, alguén pasou a noite aí.
Continuando río abaixo chegamos á área recreativa do Cascon. Na outra ruta abandonabamos o río aquí, nesta ocasión imos continuar río abaixo. A paisaxe vai cambiando a cada paso que damos, bosque de ribeira, eucaliptos, piñeiros, outra vez bosque autóctono, é impresionante.
De súpeto chegamos a unha estrada que continua pola beira do río, pasamos por outra área recreativa, pero esta está á beira da estrada. Continuando uns metros máis adiante topámonos coa área de Ponte Segade.
A área de Ponte Segade é un espazo bastante grande, conta cun par de refuxios, un mesón onde dan comidas, parque para os nenos e, por suposto, mesas e grellas.
Deixamos a área e continuamos o noso particular camiño río abaixo. Aos dous quilómetros aproximadamente volvémonos a topar, a que non adiviñades con que, efectivamente con outra área recreativa, esta ten o particular de que hai un espazo para acampada entre un bosque precioso. Hai mesas, un refuxio e unha fonte, todo o necesario para pasar uns días nun entorno marabilloso. Aquí hai unha ponte cun camiño ancho na parte de Lugo (Vicedo) cun pequeno aparcadoiro para deixar o coche. Neste punto cruzamos o río para continuar, deixando o río á nosa esquerda, pola beira de Lugo. Imos por un camiño ancho un pouco por encima do río, desde o alto vese a paisaxe doutra forma, o encaixonado do Sor entre as montañas, as distintas manchas vexetais. Continuamos ata que vemos unha baixada para outra área recreativa a das Cabelas, a beira do río. Continuando chegaremos a un muíño que ten unhas mesas en mal estado e unha fonte. Hai unha ponte de madeira polo cal cruzamos á outra beira.
Ao pouco divísase a fervenza de Auga Caída co seu miradoiro en todo o alto, uns metros antes do final do camiño hai unha subida ao miradoiro. Chegamos arriba, non sen antes botar de menos un teleférico ou o ascensor de Monte San Pedro. No miradoiro vemos que a fervenza está provocada pola caída sobre o río Sor do Rego do Seixo, non é que sexa moi caudaloso pero ten o seu encanto a caída é duns 50 metros.
A partir de aquí tócanos ascender por unha pista á serra da Coriscada. Todos os cruces que nos atopemos ata chegar á estrada CP-4401 seguímolos de fronte mesmo na mesma estrada. Pasamos por Galdos, Chao e pasamos rozando Caión. Ao atravesar a estrada topámonos cunha construción que ten a forma típica das moitas agrupacións-escolas feitas por emigrantes desde Cuba e México, neste caso é a Unión Mañonesa (Unha pena que se atope nese estado de abandono).
Continuando estrada cara arriba e, despois de pasar un depósito de auga, desviámonos cara á dereita para encamiñarnos ao alto da Coriscada co seu vértice xeodésico e as suas magnificas vistas.
Unha vez fotografado a paisaxe temos que retroceder ata o cruce anterior e continuar pola dereita, estrada arriba, pasando por unha subcentral de Iberdrola. Hai un cartel que pon, algo así como que isto é unha zona industrial, que se permite o paso, pero con precaución, que non se pode estar debaixo dos aeroxeradores por caer xeo das aspas, que a distancia mínima é de 120 metros. O que dicía antes, a montaña é deles, que che fan un favor deixándoche pasar. Non te amola.
Deixando o cabreo aparcado, seguimos de fronte nas dúas cruces e despois de baixar desviámonos pola esquerda para atravesar un bosque de piñeiros. Isto xa me aliviou bastante o cabreo. Ao chegar outra vez arriba continuamos pola dereita un camiño ancho en dirección sur. Este camiño parece ser, non estou seguro, que é o dos Arrieros, un camiño que vai desde As Pontes ata O Barqueiro polos cumes das serras, nos bordos do camiño hai moitas mámoas (dólmenes), eu vin tres, pero seguro que hai moitos máis. Non son fáciles de distinguir, son uns montículos de terra cunha especie de cráter no centro. Isto é porque os han espoliado hai anos.
Neste camiño seguimos todos as cruces de fronte, pasamos por Candedo, unha pequena aldea, ata dar coa estrada CP-4401 que, seguimos pola esquerda un par de quilómetros ata As Grañas do Sor.

 

Descarga do Track: Río Sor: Grañas do Sor – Auga Caída – Coriscada 10 de abril de 2009

Leave a Reply