Decembro 2019
M T W T F S S
« Xan    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

En Caamouco.Net

Serra do Forgoselo: Racamonde-Castelo de Naraío-Miguelares

p4230015

   
Localización: Concellos de A Capela e San Sadurniño
Data: 23 de abril de 2009
Distancia: 16,60 Km.
Como chegar: Vilardemouros está na base do Forgoselo, na estrada AC-121 (Xuvia á estrada AC-564, preto de Goente), no quilometro 6,5 aprox. contados desde a estrada AC-564.
Pódese chegar desde Magalofes, estrada AC-3503 ata San Marcos e no cruce atravesar a estrada de Fene a Lavandeira e seguir de fronte ata a estrada AC-121 e á dereita.
En Vilardemouros hai un restaurante (A Palma), xusto á beira parte unha pista cara ao Forgoselo todo en subida e cando para de subir aparece un cruce en forma de cruz que seguiremos de fronte. A partir de aquí todos as cruces seguímolos de fronte ata chegar á base duns aeroxeradores, aquí hai un sitio ideal para deixar o coche.

Comentarios:
Vou baixar por unha pista asfaltada ata o castelo de Naraío e despois seguir o curso do río Castro para subir de novo ao Forgoselo polo lugar de Miguelares, continuar polo alto de Racamonde, co vértice xeodésico e as súas vistas.
De fronte, no sentido da marcha que levaba o coche, báixase por unha pista asfaltada, paso polo lugar de O Furado (un nome moi apropiado) onde hai unha casa cunhas magnificas vistas das terras de Ancos e Trasancos. Estrada abaixo ata atopar un camiño entre eucaliptos a man esquerda que nos leva directamente á parte alta do castelo de Naraío. Este camiño xa o coñecía doutras veces pero ao baixar leveime a sorpresa de que está marcado por uns carteis de Euroeume coa ruta dos Castelos e Mosteiros, co que o único que quedoume foi seguir as marcas, que por certo, moi ben marcadas, con indicacións en todos as cruces, sen perdidas.
A ruta en cuestión parece que segundo poñia nos carteis vai desde O Pazo na Capela ata o castelo de Moeche, non creo que vaia desde O Pazo nada mais, irá polo menos ao mosteiro de Monfero, digo eu. Unha ruta arquivada para facer outro día.
O camiño do eucaliptal, como dixen, non ten perdida, é todo en baixada ata que chegamos a un miradoiro fantástico sobre o castelo de Naraío. O castelo é unha pena que non se restaure, en xaneiro de 2007 pasei por aquí, noutra das miñas rutas, e estaba en obras, había obreiros e unha especie de tubo para baleirar cascallo, parecía que o ían arranxar, pero cando chego e véxome o mesmo tubo dous anos e pico despois, en fin.
O carreiro dos Castelos e Mosteiros segue polo río Castro uníndose a outro de nova factura do concello de San Sadurniño pola canle do río, así que me poño a seguilos. Como dato curioso un vai por unha beira e o outro pola outra. Cando chego á canle do río doume de conta que a auga ten unha cor leitosa, coma se levase en suspensión algo branco. O río Mandeo as augas escuras e agora este con as augas brancas, unha pena, estamos a cargarnos os ríos.
O camiño segue río arriba, cambiando varias veces de beira, paso a ponte da estrada que sobe ao Forgoselo, a que empecei a baixar ao principio. A paisaxe é preciosa en todo o traxecto polo río, o camiño está arranxado e é moi cómodo de patear, a tarde asollada tamén axuda un pouco.
O carreiro dos Castelos e Mosteiros desvíase do río, imaxino que camiño de Moeche, continuo co outro carreiro ata chegar a unha área recreativa a de Pozo de Lamas, é un prado cun muíño e unhas mesas á beira do río, moi ben coidada. Continuando río arriba paso unha ponte no que desemboca un regato, era triste ver as augas claras do regato comparadas coas do río castro, ían uns metros as dúas augas separadas río abaixo para despois unirse.
Despois da área recreativa vén unha estrada que atravesando o río sobe ao Forgoselo, a última vez que vin por aquí era un camiño, agora está asfaltado supoño que será o progreso, os habitantes dun lugar que queda un pouco máis arriba terán dereito, como todo o mundo, de chegar co coche ás súas casas, pero non deixa de amolarme un pouco ver como se están asfaltando moitos camiños e outros deixando que se perdan entre a maleza. A costiña tráellas, resollando chego a Miguelares e pola estrada continuo polo Forgoselo. Un pouco antes de chegar ao cruce co Curro decido que xa está ben de asfalto e métome á dereita, ao monte, para ir en busca da pista que sobe ao Racamonde. Tiven que dar unhas cantas voltas por culpa dos regatos que me cortaban o paso pero ao final chegue á pista. Vin un cruce pola dereita, dinme conta que nunca o seguín, hoxe era un bo día, así que a la vou. Ao pouco tropezo cun portón pechado, pero parece que o camiño segue adiante, debe de ser para que as vacas salvaxes non pasen ás leiras que por alí había, o problema veu cando o camiño se acaba noutro portón, pero este está pechado cun candado e parece que acaba nunha casa, terei que dar volta, fíxome que o camiño segue Forgoselo arriba, pois monte a través diríxome ata el, salto dous aramados e sígoo, cando chego arriba, xa están as pistas dos aeroxeradores, vexo un cartel que pon: Propiedade privada, prohibido o paso; xa sei por onde non me teño que ir. Miro para un lado, para o outro e continúo cara ao Racamonde. Ao chegar ao miradoiro observo que hai moita bruma e non se ve moito pero o pouco que se ve, está francamente ben. Agora só queda coller todos as cruces de fronte para chegar ao coche, polo camiño vólvome a atopar as marcas do carreiro dos castelos e mosteiros como para lembrarme que están aí que non me esqueza deles.

Descarga do Track:

Elevation Profile
serra-do-forgoselo-racamonde-narahio-miguelares-23-de-abril-de-20091

 

1 comment to Serra do Forgoselo: Racamonde-Castelo de Naraío-Miguelares

Leave a Reply