Setembro 2019
M T W T F S S
« Xan    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30  

En Caamouco.Net

Teixido – Canal do Eume – Encoro

p4250006

   
Localización: Concello da Capela
Data: 25 de abril de 2009
Distancia: 11,25 Km.
Como chegar: Teixido é unha pequena aldea situada en pleno parque natural das Fragas do Eume, xusto encima do canón, de feito moi preto hai uns miradoiros que se asoman como un balcón sobre o Eume (recomendo visitalos). Para chegar situarémonos nas Neves no concello da capela. Pola estrada que vai á central pasamos por O Poboado na Estoxa, logo por Gunxel e chegamos aos muíños do río Sesín ou da Mazoca (como sempre, depende onde se mire). No seguinte cruce, no canto de seguir pola estrada da central desviámonos pola esquerda para pasar por Paces, O Coto e, un pouco mais afastado, Teixido.

Comentarios:

Baixaremos por un camiño ata a toma de auga da antiga central, seguiremos pola canle ata o pantano e subiremos ao monte Fontardión para regresar outra vez ao sitio de partida.
A ruta comeza uns metros antes de chegar a Teixido, xusto despois da subida que hai ao pasar o rego de Teixido, antes había un poste indicador pero a alguén lle debía de molestar que o arrincaron. Pasamos por unha liña de alta tensión e continuando polo camiño abaixo, sen perdida, chegamos á balsa de toma de auga. Este camiño vai paralelo ao rego de Teixido, sabémolo por que non deixa de sentirse o seu rumor en todo o camiño.
O río Teixido é moi apreciado polos que practican barranquismo por que a baixada ata o río Eume é impresionante de feito non é unha baixada, é unha caída.
A baixada é pronunciada, sobre todo no seu tramo final, despois de pasar unha casa en ruínas no medio do bosque. Ao chegar á balsa vemos que non só tomaba auga do Eume senón que aproveitaba a do Teixido, tentamos seguir a canle deste río pero unhas árbores caídas impídenolo. Seguimos a canle do Eume metidos entre as fragas e gozando da paisaxe, de cando en vez hai unhas rocas, a modo de miradoiro, asómannos ás fragas, pero a maior parte do camiño, ou mellor devandito, a canle, estamos mergullados entre carballos, castaños, bidueiros e unha infinidade paxaros. Ás veces penso que se atopamos a alguén de fronte haber quen se aparta ou dá volta por que o espazo non dá para moito.
A canle ás veces convértese en túnel para sortear os saíntes da montaña e o carreiro sepárase polas fragas. Estas, aos poucos, van deixando paso á roca pelada, é outro momento impresionante, ver como a canle se colga sobre o vacío, o que tiveron que cavar aqueles homes e en que condicións por que non tiñan máis ferramentas que picos e pas e ver eses precipicios aflixe.
Pero ver como as cabras corren por esas pedras verticais, desafiando a gravidade, é unha cousa que non me cadra moito, pero aí esta non hai máis que velas. Máis adiante a canle
sufriu un desprendemento de rocas e está rota uns 10 metros co que o paso se fai un pouco perigoso, hai que pasar con moito coidado apoiándose na roca. Cando pasei hai un ano aproximadamente o roto era menor que agora, notouse que se desprenderon máis pedras.

Xa se pode ver o muro do pantano en fronte noso, cando fomos era pola mañá e o sol daba de fronte e as fotos do canón saíron a contraluz. Atravesamos un regacho ou río, depende da época do ano e das choivas, porque ás veces baixa moita cantidade de auga, basta mirar as pedras arrastradas e as pobres arbores que soportaron o envite.
Aos poucos a altura faise menor con respecto ao río Eume e pronto chegamos á canle, aquí hai dúas opcións ou seguir pola canle, co que temos que sortear grandes pedras, ou subir por unhas escaleiras rústicas que se van unir ás principais. Quédanos un tramo duro, subir as escaleiras, as pernas non están para moitos trotes e reséntense pero, quen dixo medo. Unha vez arriba continuamos pola estrada arriba e despois das curvas, cando comeza unha recta, ábrese un camiño á nosa esquerda, é o que vai á canteira de onde sacaron a pedra para construír a presa. Nós, nesta ocasión, non fomos pero recomendo ir, o camiño é fácil e as vistas sobre o encoro e o canón son espectaculares.
Continuando estrada arriba chegamos a un cruce, ímonos pola esquerda, pasamos un grupo de casas, Lamela, aquí hai un camiño pola nosa esquerda que non colleremos pero o seguinte, que está a menos dun quilómetro, sí. Este camiño lévanos aos altos de Fontardión. Ao finalizar a subida o camiño finaliza nun aramado que teremos que pasar despois de deixala pechada outra vez, aquí o camiño continua pola dereita pero o ignoramos e desviámonos, sen camiño aparente, á esquerda. Atopamos unha gran pantalla metálica a modo de valo publicitario, é obvio que de publicidade nada, serve, ou servía, para rebotar as ondas de radio que viñan da central eléctrica e mandalas á toma de auga do outro lado da presa. Pero á parte disto o que máis impresiona son as vistas das fragas, tanto polo lado do encoro como polo do canón. Este sitio para o min é ideal para sentar e admirar a paisaxe, estamos encima da canteira.
O noso camiño continua ladeira abaixo en dirección dunha devasa que se ve na outra ladeira, despois de pasar un estanque do regacho Morixoso. Este río é o que forma unha fervenza na canteira e que despois se precipita canón abaixo, ata a canle do Eume. Seguindo o camiño quédanos subir todo o que baixamos. Na subida atopámonos un cabalo cunha pata rota, deunos moita pena porque vai ter unha morte moi dura. No alto ábrese outra devasa á esquerda, é o que vai ao miradoiro que esta encima do canón. O camiño segue de fronte, pasamos unha liña de alta tensión e o rego das Traves, aos poucos metros aparece un camiño ancho que vai ao Fontardión, nós seguímolo á esquerda en dirección de Teixido. Pasamos un portal, que pechamos para que escapen as vacas e os cabalos, e chegamos á estrada. Á dereita vaise a Vilariño e á esquerda a Teixido, o noso destino. Despois de percorrer uns dous quilómetros chegamos ao coche.
 

 

 

 

 

Descarga do Track: fragas-do-eume-teixido-canal-do-eume-fontardion-25-de-abril-de-2009

 
Ver

Fragas do Eume: Teixido-Canal-Encoro-Fontardion 25 de abril de 2009 en un mapa más grande 

 

2 comments to Teixido – Canal do Eume – Encoro

  • Como mola o do Google maps, a ver si me poño as pilas e fago algunha destas rutas algún sábado. Esta está moi chula, pero tes moitas guays….. noraboa.

    O do google que lle puxeches a estes últimos está de pm. Porque pódolle poñer o punto de arranque o tomtom para ir co coche ata o arranque, e logo podo poñer algúns puntos intermedios para localizalos co tomtom tamén… o final vou ter que comprar un trasto coma o teu si me afecciono.

    Estoulle pasando a páxina a moita xente que lle gusta andar de pateo por ahí . jejeje..

    Saúdos e graciñas polo teu traballo nesta páxina.

  • Admin

    Alegrame moito que che guste pero o do Google me votou unha man “O de Curmá” con eso dos “codigos” do HTML que a min me teñen mania. Grazas.

Leave a Reply