Setembro 2019
M T W T F S S
« Xan    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30  

En Caamouco.Net

Río Mandeo: Chelo-Pias-Ois-Espenuca-Chelo

p5010042

   
Localización: Concellos de Paderne e Coirós
Data: 01 de maio de 2009
Distancia: 17,30 Km.
Como chegar: Situados en Betanzos, pola avenida de Castela (antiga N-VI) ata Queiris, uns metros antes do cruce coa nova N-VI hai unha pista pola esquerda que indica o lugar de Chelo. Seguindo as distintas pistas sinalizadas chégase sen problemas a este lugar.

Comentarios:
Outro día no río Mandeo, esta vez vou subir á Espenuca. Faime ilusión subir a ese miradoiro pois pasaron moitos anos desde a última vez (uns 20 anos). Vou ir polo curso do río, baixar á central das Pias e, no concello de Coiros, subir a Ois, Caresma e a Espenuca.
O día promete, por primeira vez non me chove. Partín de Chelo, como sempre, seguín pola marxe esquerda do río, pasei a central do Zarzo, cheguei ao final do carreiro do río, subín á canle, baixei á antiga central das Pias. Crucei o río para pasar ao concello de Coiros e ir a Santiago de Ois, da igrexa de Ois vou a Caresma. Ata aquí todo coñecido da ruta “Río Mandeo: Chelo – Zarzo – Pías – Ois – Caresma”.

En Caresma, no canto de seguir pola dereita e baixar ao río, continúo pola esquerda, no primeiro cruce sigo pola dereita ata outra estrada máis ancha (CP-2702) que a collo pola dereita tamén. Pódese seguir pola estrada ata a Espenuca pero, á min non me gusta o asfalto e escapo polo primeiro camiño que atopo pola dereita, é un camiño ancho e ben arranxado, paso unha antena encima dunha pedra e continuo sen facerlle caso a todos os camiños máis pequenos que me aparecen ata pasar por un muro de pedra. Ao finalizar o muro encontro un camiño estreito pola dereita, sígoo, ás veces é coma se desaparecese entre a maleza, ao pouco chego á estrada de subida á Espenuca.
No miradoiro lévome unha desilusión, non se ve nada, está rodeado de eucaliptos, un miradoiro onde non se pode mirar, curioso, Galicia is different. Falando cun motorista dime que un pouco máis abaixo e encima dunhas rocas pódense esquivar as arbores e podese ver un pouco do val do Mandeo e arredores, co cal salvei o día, non era o que tiña pensado pero é o que hai. A vista sobre Chelo é espectacular, o río e todo o que se pode ver precioso, o día tamén me botou unha man, estaba claro, claro.
Despois de sacar as correspondentes fotos e ao ir visitar a igrexa, nunhas escaleiras había un lagarto ocelado que, imaxino debido á cantidade de xente que pasa por aquí, non tiña medo ningún e deixábase fotografar con toda tranquilidade.
Deixo ao lagarto na súa cova e voume, polo primeiro camiño á esquerda, a Chelo. O de voume a Chelo, é o que pensaba facer, en Chelo hai dous camiños que soben e na Espenuca hai un que baixa, por lóxica, o de arriba ha de ser un dos de abaixo, pois non, non foi así. En plena baixada atopeime unha frecha nun cruce que indicaba á esquerda e eu, como sempre, non lle fago caso, voume pola dereita. Chegar, cheguei ao río pero non polo camiño que imaxinaba, en plena baixada acábase o camiño e, monte a través, baixo ao río. Seguindo o río chego a Chelo, o do camiño será noutra ocasión, seguro que é no cruce da frechiña.


Descarga do Track: rio-mandeo-chelo-pias-ois-espenuca-chelo-01-de-mayo-de-2009

?

Leave a Reply