Decembro 2019
M T W T F S S
« Xan    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

En Caamouco.Net

San Felipe-Pieiro-Brión

 

p6010040

 

Localización: Concello de Ferrol
Data: 01 de xuño de 2009
Distancia: 22,86 Km.
Como chegar:

Partindo do complexo deportivo da Malata séguese cara á Graña. No cruce que aparece ao pasar unha gasolineira cóllese á esquerda, pásase por A Cabana e sóbese en forte pendente ao bonito pobo da Graña, báixase polas estreitas rúas ata unha especie de praza cunhas árbores no medio, aquí seguimos cara a San Felipe, hai carteis indicándoo. Despois de subir por unha pista que, por certo, hai unhas magnificas vistas de Mugardos,  báixase ao non menos bonito pobo de San Felipe co seu castelo. Estes dous pobos, A Graña e San Felipe, ben merecen unha paradiña para visitalos.

Comentarios:

Vou ir desde o castelo de San Felipe ata o Pieiro pasando por Cariño, Monteventoso e de volta por Monte da Cha ata Brión.
En San Felipe voume polo novo paseo que fixeron aproveitando as obras da traída de auga ao porto exterior, este paseo vai bordeando a ría ata case Cariño, a paisaxe é preciosa. Chego ás ruínas do castelo de San Cristovo, unha de tantas baterías defensivas da zona que se están deixando abandonar ata a súa completa destrución. Teño que dicir que o mapa topográfico nomea como San Cristovo ao primeiro e San Carlos ao segundo con todo en internet fano ao revés polo que me inclino polo segundo xa que os mapas teñen moitísimos erros. Continuo por unha especie de enseada, Ribeira de San Cristovo, aquí deixo o paseo para seguir por asfalto. Chego a outras ruínas as do castelo de San Carlos cun faro na punta, un pouco máis adiante paso por unha piscifactoría abandonada por mor das obras do porto exterior, estes viveiros necesitan augas limpas para o seu funcionamento e con todos os desmontes e demais do porto non era posible, polo que tiveron que pechar. Ao pouco chego ao pobo de Cariño e a súa praia, unhas cantas casas nun entorno envexable se non fose polo porto que está á beira. Continúo atravesando o pobo e subo polo camiño do outro lado cara ao Confurco, un pouco antes de chegar desvíome por unha estrada de nova construción á esquerda, despois duns sobes e baixas bastantes pronunciados atópome cun valo metálico, maldito porto podían avisar arriba, dou volta. No Confurco subo pola estrada que vai ao porto exterior e ao Pieiro, ao chegar ao próximo cruce sigo pola dereita e a menos de cen metros sae unha pista, tamén pola dereita, que sube ao antigo observatorio meteorolóxico de Monteventoso que, por non desentonar co entorno, está totalmente esnaquizado. Aquí as vistas sobre Doniños e San Xurxo son realmente espectaculares, ben merece unha paradiña e gozar da paisaxe, non é raro atoparse a xente practicando parapente pois o lugar é moi adecuado.
O camiño o continuo por onde vin, baixando a pista ata a estrada do Pieiro, abaixo no cruce voume pola dereita por un camiño e ao pouco pola esquerda e, no seguinte cruce, pola esquerda. Ao chegar á estrada, cerca do Pieiro, sigo pola esquerda, cara arriba, paso pola batería de costa de 381 mm, a grande, e un pouco máis arriba a outra, son as dúas máis grandes desta zona e as da cota máis alta. Seguindo a estrada adiante paso polo cruce de Monteventoso e ao chegar ao Confurco voume por encima da estrada nova do porto exterior e subo ao monte da Cha, onde se produciu a famosa batalla de Brión.


O camiño sube por unha banda do monte, a medida que sube vai descubrindo a paisaxe da súa ao redor. Unha vez arriba sae un camiño pola dereita o cal ignoro e, máis adiante, ignoro o outro. Aquí é onde atopei, ao bordo do camiño, o pobre corzo decapitado. Seguindo o camiño e, despois de percorrer un bo treito, paso por unha especie de escola de equitación e as primeiras casas de Brión. Acábase o camiño e chega o asfalto, no cruce que vén a continuación, vou pola dereita, no seguinte tamén e o outro, en dirección a unha fonte (está sinalizada). Na fonte sigo unhas frechas amarelas pola esquerda e penetro nun camiño que vai dar á outra estrada de Brión, voume pola esquerda para desviarme no primeiro camiño á dereita e continuar de fronte ata a antena de telefonía do monte Fontenlo e gozar dunhas magnificas vistas de Ferrol. Despois das pertinentes fotos retrocedo sobre os meus pasos, pero no canto de desviarme á dereita continúo de fronte por un carreiro estreito e asfaltado, o primeiro cruce ignóroo e no segundo, xusto nunha curva a esquerdas, sigo de fronte por un carreiro, atópome unhas marcas nas ramas (unhas cintas de plástico) e decido seguilas. Lévanme en continua baixada ata unha pista asfaltada que presumo diríxese a San Felipe. Ao pouco de baixar pola pista ábrese pola miña dereita outra, pero parece que ten un portal, será particular ou non, arríscome e baixo en forte pendente, ao intre, efectivamente, era particular e atópome un portal pechado con candado, miro para un lado e para o outro, como ninguén me ve, decido saltar e seguir polo outro lado que continua o camiño, xusto, ata o castelo de San Felipe.


Descarga do Track: san-felipe-carino-monte-ventoso-01-de-xuno-de-2009

 

Leave a Reply