Setembro 2019
M T W T F S S
« Xan    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30  

En Caamouco.Net

Confurco-Prioriño-Pieiro

P61100163

   
Localización: Concello de Ferrol
Data: 11 de xuño de 2009
Distancia: 19,54 Km.
Como chegar:  Autoestrada AP-9, despois da ponte da ría de Ferrol, saída ao polígono Rio do Pozo, estrada nova ao porto exterior, ao cabo duns cantos quilómetros se colle a saída a Doniños e unha vez na estrada de Doniños o cruce á esquerda sinalizado a O Confurco.
Desde o complexo deportivo da Malata, continúase cara a Valón, no cruce de Valón séguese de fronte, cara a Doniños e unha vez na estrada de Doniños o cruce á esquerda sinalizado a O Confurco.

Comentarios:

O Confurco é unha aldea de Ferrol, preto de Doniños, da parroquia de Mandiá. É coñecido por ter as instalacións da comunidade terapéutica de tratamento de drogodependentes de O Confurco, pertencente á asociación Asfedro.
A ruta vai consistir en, partindo de O Confurco, subir a Monteventoso, baixar a Punta Penencia, Prioriño, Pieiro e volta ao coche.

Á dereita da comunidade terapéutica parte un camiño que vai ao núcleo de casas de O Confurco, no primeiro desvío subo por outro camiño para acabar na pista asfaltada de Monteventoso, antigo observatorio meteorolóxico da Armada e hoxe en día un miradoiro magnifico sobre toda a costa, praia e lago de Doniños. Pódese visitar en coche, aínda que a pista de acceso non está en boas condicións, tamén o coche pode quedar abaixo e subir a pé, serán só 300 metros. Ás veces hai xente practicando parapente, ten que ser impresionante poder “voar” sobre Doniños.
Unha vez saturado de paisaxe baixo pola pista até a estrada que vai ao porto exterior e o Pieiro, aquí diríxome polo camiño que se abre pola dereita e vai rodeando o monte. Ao cabo dun bo intre e despois de pasar unha especie de depósito de auga e un charco no camiño, baixo por outro até Punta Penencia. Ao principio baixo pero despois a baixada convértese en “caída”, polo empinada que está. Un pouco antes de chegar abaixo sae un camiño pola esquerda, que podemos seguir se non queremos baixar, porque, sobre todo logo hai que volvelo a subir, eu baixeino, a curiosidade mátame. O camiño pronto se converte en carreiro e hai que ir con tento para non perdelo entre os toxos. Despois duns cantos sobe e baixa o carreiro transfórmase, outra vez, en camiño e ao pouco aparece un cruce, á esquerda diríxese a un bunker de telemetría e á dereita vai a unhas baterías de costa, trátase da batería número cinco, ou mellor devandito, se “trataba” da batería número cinco, estaba composta por catro canóns Vickers 152,4 mm, dous nesta posición onde me atopo agora e outros dous un pouco máis arriba, polo camiño do bunker anterior. Se alguén ten curiosidade por coñecer máis en profundade estes detalles das baterías de costa que visite esta páxina (http://josecadaveira.tripod.com/militaryruins/ide25.html), ten moita información.
Continuando o camiño adiante, que por certo, ten unha chea de pedras soltas e faise incomodo. As vistas da dereita son o cabo Prioriño Grande tamén se pode distinguir o monumento á tripulación do hidroavión caído nese lugar, o Doornier. Á esquerda o cabo Prioriño Chico cos radares do porto da Coruña e o faro. Pronto se albiscan as obras da depuradora de Ferrol e, antes dunha curva pechada á esquerda, baixo por un carreiro, que máis ben parece de gando, e voume cara á costa para subir polo outro carreiro que sobe ao alto do cabo. Na parte alta atópome cun camiño, á esquerda vou ao monumento en cuestión e, á dereita, continuo até o final do cabo. A sorpresa veu cando me atopo coa entrada dun túnel, ao acercarme fíxome que está escavado en granito puro e ten varias saídas aos cantiis. Indagando decátome que eran para un proxector e non para un canón como me imaxinaba, facíame ilusión descubrir algo como os canóns de Navarone. Continuo polo camiño cara a Prioriño Chico, pasando polas obras, na punta do cabo hai, a parte do faro e as casetas do radar, un castelo defensivo, para chegar a el hai que baixar entre os observatorios de paxaros e o edificio do radar, está en moi mal estado. Unha vez arriba, e seguindo a pista, hai outro castelo máis, trátase do de Viñas que orixinalmente estaba onde está agora o porto exterior e reconstruírono neste lugar.
Continúo pola estrada arriba divisando o enorme desmonte do porto exterior, meténdome polo primeiro camiño que me sae pola esquerda e volvo saír á batería número cinco, agora aproveito para seguir cara ao bunker de telemetría e continuar á parte alta da batería, onde se aloxaban os outros dous canóns de 152,4 mm. Seguindo o camiño adiante acabo, outra vez, na estrada do porto, sígoa cara arriba e desvíome no próximo cruce, camiño de O Pieiro. Pasado o pobo e sempre estrada arriba, chego a outras baterías pero estas son máis grandes, de feito teñen un foso enorme, son para os canóns grandes, os máis grandes, tiñan un calibre de 381 mm. había un aquí e outro un pouco máis arriba pola mesma estrada, eran como os que hai no parque do monte San Pedro en Coruña, de feito, polo menos un, estaba montado aquí. Segundo teño entendido aínda queda en servizo un en Cadiz. Xa só queda seguir estrada adiante para chegar ao Confurco.

 

 

 

 

Descarga do Track: Confurco-Prioriño-Pieiro 11 de xuño de 2009

 

 

Leave a Reply