Decembro 2019
M T W T F S S
« Xan    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

En Caamouco.Net

Ventureira-Caaveiro-Altos de Saguiñedo-Encoro

P7180019

Localización: Concello de Monfero
Data: 18 de xullo de 2009
Distancia: 18,81 Km.
Como chegar: Autoestrada AP-9, saída de Pontedeume, xusto despois do peaxe se colle estrada que vai As Pontes ata As Neves, no Concello Da Capela. Dende aquí, vaise polo desvío da central eléctrica do Eume.

Comentarios: Síntoo pero as Fragas do Eume téñenme enmeigado, non me canso de patealas, cada día que vou sempre me parecen distintas. Eses bosques, eses ríos, eses animais…

A ruta de hoxe vai desde a estrada da central do Eume, moi preto da vella central da Ventureira, pasa polo mosteiro de Caaveiro, a central do Parrote, subimos a O Rodeiro (unha subida de 300 metros en zigzag), imos pola Torre de San Bartolomeu, subimos aos altos de Sanguiñedo e de aí baixamos ao encoro do Eume para regresar á central da Ventureira. En total son uns 19 quilómetros por unhas paraxes espléndidas.

O inicio proposto é un apartado na estrada para os carteis de interpretación do parque natural, un sitio ideal para deixar o coche. Subimos pola estrada até un camiño, pola esquerda, que nos leva directamente ao mosteiro de Caaveiro. O camiño é ancho e moi cómodo de andar, percorre a ladeira da montaña entre a estrada da central, por arriba, e por baixo o río Eume. En varios tramos e entre as árbores pódese distinguir o mosteiro así como o profundo canón escavado polo río. Aos dous quilómetros aproximadamente o camiño convértese nun carreiro que empalma, en forma de “T” con outro que sube á estrada, o noso destino é cara abaixo, o mosteiro atópase a menos de cen metros.

No mosteiro merece a pena facer un pequeno desvío e baixar á ponte do río Sesín e admirar a pequena fervenza e as ruínas do muíño.  Unha vez de volta do río Sesín continuaremos baixando cara ao río Eume, cruzalo pola ponte de Santa Cristina (o de cemento), e proseguir pola beira dereita, mirando augas arriba. Este carreiro bordea o río Eume nunha contorna marabillosa, nesta época as fragas están especialmente encantadoras coas cores castañas, amarelos e salpicados de verdes, onde mais no sotobosque.

O carreiro continua sen desvío algún até unha central eléctrica, unha pequena central que aproveita as augas do río Parrote. Antes de cruzar unha pequena ponte de madeira sobre o río Parrote hai que buscar un carreiro que sube pola nosa dereita. A subida é un pouco dura polo que hai que tomala con calma. Ao pouco de comezar a subida aparece unha pequena casa, tipo cabana, incrustada no medio da espesura das fragas. Como curiosidade hai dous anos, aproximadamente, estaba totalmente en ruínas e agora arranxáronlle o tellado, as xanelas, a porta e cementaron o chan. Até aquí, máis ou menos normal, o que non me cabe na cabeza é como subiron a area e o cemento até aquí, é máis, aínda está parte da area nunha saca de lona grande que debe de pesar varias toneladas, (misterios das fragas).

Despois dunha infinidade de zigzags chegamos a O Rodeiro, unha pequena aldea de dúas ou tres casas, estamos na cota dos 375 metros. O carreiro convértese en asfalto e pasadas as casas do pobo aparecen outras dúas mais adiante e, 200 metros logo, abandonamos o asfalto para seguir un camiño á esquerda. Este camiño vai en franca baixada, no seguinte cruzamento seguimos á esquerda e de aí sempre en baixada até o río Parrote. Desde O Rodeiro e até o río Parrote a paisaxe está marcado polos eucaliptos, unha pena pero é o que hai, isto é no que se está convertendo o bosque en Galicia. Pasamos por unha casa en O Polín e ao pouco aparece o Parrote. Un pouco antes de cruzar o río por unha vella ponte de madeira hai a man dereita un muíño abandonado, o muíño da Laxe.

Despois de cruzar o río ímonos pola dereita no seguinte cruce, nun xiro de case 180º, cruzamos un regato, afluente do Parrote, e chegaremos a unha estrada que seguiremos pola esquerda. Pasamos todos os cruzamentos pola esquerda, pasamos pola Ribeira, Os Fornos, O Regueiro e na Torre de San Bartolomeu desviámonos á dereita por un camiño que pasa á beira da primeira casa do pobo. Este camiño sube directo os altos de Sanguiñedo en concreto a Pena do Teixo e Pena do Serrón. Case no alto continuamos pola esquerda por un camiño ou devasa (non está moi claro), este carreiro non está distingue ben polo que hai que estar atentos. En todo este tramo as vistas sobre o canón do Eume son dignas de admiración, así como as da parte de Monfero, que tampouco están nada mal.

O carreiro comeza o seu descenso cara ao encoro, sáenos un camiño pola esquerda que ignoramos e seguimos a baixada até toparnos cun camiño ancho, aquí podemos seguir baixando e ir parar á beira do encoro, ao edificio de onde toma auga a central eléctrica do Eume, ou subir para logo baixar á central da Ventureira.

Si non baixamos  ao pantano tócanos subir e antes de que comece a baixar hai unha desviación á dereita para ir a un miradoiro sobre o pantano, son uns 1500 metros de ida e volta que merece a pena percorrer, pois o premio ao final é sinxelamente espectacular. O carreiro ao principio sube sempre mantendo a liña recta e o canón do Eume de fronte, cando vira á esquerda abandonámolo para subir a unha rocha que temos á vista. A min gústame sentarme aquí e gozar un bo intre do espectáculo.

De regreso ao camiño ancho e comezando a baixada cara á central, convértese nunha especie de cemento pardo-avermellado que machuca os pés. Só resta seguir camiño adiante até a estrada que baixa á central. Dito así parece fácil pero aínda quedan ou restan uns cuantos quilómetros e todos de baixada até a vella central da Ventureira e de aí ao coche.

 

Ver o mapa en Google Earth

Descarga do Track: Ventureira-Caaveiro-Altos de Saguiñedo-Encoro

Leave a Reply