Agosto 2019
M T W T F S S
« Xan    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  

En Caamouco.Net

¿De quen é o monte?

Hai unha páxina en internet de ecoloxistas en acción onde te podes declarar non cazador. Isto pode parecer, a primeira vista, unha bobada pero non o é e vouno a explicar.
Imaxinarse que estades na praia tranquilamente tomando o sol e veñen uns rapaces a xogar ao fútbol e mánchanvos de area, ¿Que facedes?, como mínimo, protestades e de aí para arriba. Pero isto non acaba aquí, os rapaces ponse fanfurriñeiros e ameázanvos con darvos unha malleira, ou algo parecido. Isto é totalmente inxusto mesmo chamariades á policía, ¿non?.
Pois ben, cando vou ao monte a camiñar atópome a eses grupos de cazadores armados até os dentes e cos seus cans. Cando paso á beira deles os saúdo, “bos días”, os meus pais ensináronme educación, eles xa empezan coas típicas bobadas: “si foses traballar”, “non sabes o perigo que corres”, “eu a ti daría media volta”, “isto non é para xente de cidade, isto é para homes” e demais comentarios de cuadrilla de matóns. Continúo o camiño, pero coa mosca detrás da orella, e no primeiro cruce desvíome á estrada máis próxima, porque non tardas en escoitar os tiros deses “defensores da natureza”.
Por iso e algunha cousa máis reivindico o meu dereito a camiñar por onde me de a gana, sen facer dano a ninguén nin a nada, porque o monte é de todos.

Algúns me din que xa existen sitios preparados para camiñar, pretenden encerrarnos en reservas como aos indíxenas de Norteamérica. Pois ben, tamén hai sitios para disparar a unhas dianas, (campos de tiro), con todas as comodidades.
Botar unha ollada ás ligazóns de máis abaixo, non teñen desperdicio, mención especial merece os coñecementos necesarios para poder aprobar o exame de cazador.

http://www.foromtb.com/f11/licencia-para-matar-rio-xubia-naron-coruna-378275.html#post5609697

http://huellascantabria.foroactivo.com/caza-y-pesca-f16/un-cazador-mata-accidentalmente-a-un-ciclista-t1006.htm

http://www.cuesta-arriba.es/senderismo/%C2%BFel-monte-para-todos-o-unos-pocos/

http://www.20minutos.es/noticia/543273/0/cazador/matar/menor/

http://www.20minutos.es/noticia/452146/0/cazador/fallece/disparo/

 

Doniños-Prioriño

P7100085

Localización: Concello de Ferrol
Data: 10 de xullo de 2009
Distancia: 14,61 Km.
Como chegar: Autoestrada AP-9, despois da ponte da ría de Ferrol, saída ao polígono Río do Pozo, estrada nova ao porto exterior, ao cabo duns cantos quilómetros se colle a saída a Doniños e unha vez na estrada de Doniños continúase até o final.
Desde ou complexo deportivo da Malata, continuar cara a Valón, non cruce de Valón séguese de fronte, cara a Doniños e unha vez na estrada de Doniños continúase até o final da estrada.

Comentarios: Esta ruta é unha variante de Confurco-Prioriño-O Pieiro, no canto de empezar no Confurco empezamos na praia de Doniños, polo resto é practicamente igual.
Saímos da praia de Doniños preto de Penencia (a praia nin a pisamos). Continuamos á esquerda camiño de Punta Penencia por un camiño de terra, ese día e a esa hora, as nove da mañá, había unhas cantas furgonetas-caravanas dos rapaces que veñen practicar surf. O sitio para acampar non pode ser máis bonito, o que pasa é que como estamos afeitos velo non apreciamos a paisaxe, pero se nos paramos un pouco e vémolo con calma, seguro que nos cambia o punto de vista. Desde aquí sube unha pista de terra en vertical até Monteventoso, o antigo observatorio meteorolóxico da armada, pero o noso camiño desvíase á dereita ao intre de subir, menos mal porque só ver o que sube desmoraliza a calquera. Segue polo bordo dos cantís para pouco despois converterse nun carreiro, no camiño a Prioriño pasa polas antigas baterías de costa. A descrición é a mesma que o artigo arriba indicado, o que pasa que neste me parei máis nas flores que na paisaxe. Seguir lendo Doniños-Prioriño »

Muiños do Folón e do Picón

P7060089

Localización: Concello de O Rosal (Pontevedra)
Data: 06 de xullo de 2009
Distancia: 3,26 Km.
Como chegar: Pola PO-552 de Tui á Guarda, é necesario desviarse pola PO-3302 ata O Rosal. Desde O Rosal accédese ata A Ponte das Penas seguindo as múltiples indicacións na estrada en dirección aos muíños de O Folón e do Picón.

Comentarios: Que en Galicia hai muíños, non cabe dúbida, hainos repartidos por toda a xeografía, onde hai un río seguro que hai un muíño. Realmente tería que dicir, “había un muíño”, porque xa están, a inmensa maioría, abandonados. En Mañón, no río Sor, aínda queda un muíño en servizo. Este muíño non funciona os fins de semana para que os visitantes véxano, se non que o dono o utiliza para que facer a moenda normal da casa, está en pleno funcionamento, e como dato curioso tamén o utiliza para xerar electricidade.
Até aquí todo máis ou menos normal, o anormal é atoparse na canle de dous ríos con 67 muíños, xa son muíños. No concello do Rosal, ao sur de Pontevedra, existe este conxunto único, declarados en 1998, ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia. O concello deseñou unha ruta circular moi agradable de percorrer de pouco máis de 3 quilómetros que a Federación Galega de Montañismo homologar como ruta de sendeirismo co nome de PR-G 94. Todos os muíños están restaurados pola administración, un dos cales polo seu propio dono (como ben reza a inscrición da súa entrada). Seguir lendo Muiños do Folón e do Picón »

Fragas da Ribeira e Lostegal

P7050047

Localización: Concello de As Pontes de García Rodríguez
Data: 05 de xullo de 2009
Distancia: 19,25 Km.
Como chegar: Nas Pontes de García Rodríguez, a praza do Hospital, no centro da cidade, pola rúa da Habana, ata chegar a o polideportivo.

Comentarios: Trátase dunha ruta deseñada polo club de montaña O Caxado das Pontes, vai polo encoro da Ribeira, o gran descoñecido dos dous encoros do río Eume, e polas fragas de Lostegal, para subir ao monte Carballeira (677 m) e regresar ao polideportivo das Pontes.
As fragas de Lostegal, desde o meu punto de vista, son as segundas fragas do río Eume, as primeiras están en Muras. Digo isto por que lin nalgún sitio que son as primeiras. Pero á parte de polémicas as fragas do Lostegal teñen unha exuberante vexetación composta de carballos, castiñeiros, loureiros, érbedos, acivros, felgos entre outras especies máis. A ruta transcorre por carreiros, camiños e un pouco de asfalto, está totalmente sinalizada e teño que dicir que moi ben, non hai perda. Desde aquí moitas grazas a todos os que colaboraron nesta ruta. Seguir lendo Fragas da Ribeira e Lostegal »

Picos de Europa: Vega de Urriellu-Terenosa-Bulnes-Poncebos

P6280151

Localización: Concejo de Cabrales (Asturias)
Data: 28 de xuño de 2009
Distancia: 11,89 Km.
Como chegar: Ver Sotres-Vega de Urriellu

Comentarios: Hoxe toca baixar do refuxio de Vega de Urriellu (1.944m.) a Poncebos (aprox. 250 m.) pasando pola majada da Terenosa e Bulnes, o desnivel é de 1.694m. non está nada mal.
Despois de durmir estupendamente no hotel de cinco estrelas. O día amenceu estupendo, vai facer calor pero a esta hora e a esta altura vai ser que non, está un pouco fría a cousa. Comezamos a baixada polo mesmo camiño de onte ata a Majada da Terenosa e na última casa, a das placas solares, sae un carreiro por un portal á esquerda que atravesa todo o prado en dirección ás majadas Jelguera e Jabariega. Este tramo é especialmente bonito, no medio do prado cunha chea de flores silvestres, bucólico e aínda máis divisando o Picu Urriellu ao fondo. O camiño non ten perda só quizais ao final do prado nunha cabana cunha fonte, que temos que desviarnos á dereita. A partir de aquí o camiño empeza a baixar entre arbores cara a Bulnes a beira do río, por momentos a baixada é bastante forte e pon a proba as pernas de calquera. Ao chegar á preciosa aldeíña de Bulnes (650m.), ben merece unha paradiña para repor forzas. Din que Bulnes é o pobo máis incomunicado de España, non sei si é, pero que está incomunicado non hai dúbida, e hoxe grazas ao funicular en funcionamento desde o ano 2001 estao moito menos. Seguir lendo Picos de Europa: Vega de Urriellu-Terenosa-Bulnes-Poncebos »

Picos de Europa: Sotres-Collado Pandebano-Vega de Urriellu

P6270091

Localización: Concejo de Cabrales (Asturias)
Data: 27 de xuño 2009
Distancia: 10,21 Km.
Como chegar: Desde Arenas de Cabrales, na AS-114 que une Cangas de Onís con Panes, 31 e 22 Km, respectivamente, tómase a estrada cara ao sur que leva en 6 quilómetros a Ponte Poncebos. Cruzando o río Cares, hai 11 km máis ata Sotres, pero antes de chegar nunha curva moi pechada (a curvona) comeza a ruta.

Comentarios: Esta foi a miña primeira camiñada aos picos de Europa e quedeime certamente impresionado, son impresionantes, de impresión, isto debe de ser un “DELITO” gramatical pero é igual. Recordo o meu primeiro día nos Ancares, no primeiro quilómetro saquei unha chea de fotografías, todo parecíame enorme, non vira nada semellante, esas montañas, eses vales profundos, pois ben, os picos é todo iso e moito mais. Pérdense as perspectivas, todo é grande, as distancias non son o que parecen.

Se os picos son impresionantes, dentro dos picos o Picu Urriellu (Naranjo de Bulnes) leva a palma. O Picu é emblemático dentro do alpinismo español e a verdade que visto desde abaixo impón, pero aínda impón máis ver as manchiñas minúsculas que se colgan das paredes verticais e que me din que son escaladores. Seguir lendo Picos de Europa: Sotres-Collado Pandebano-Vega de Urriellu »

Porcos II

A roupa e demais estaban nas baterías de costa á beira da estrada. É máis cómodo levalos aos puntos limpos que non andar ás agachadas tirando cousas por todos lados. Mira que hai sitios onde tirar esas cousas. Os concellos as recollen gratis PORCOS.

Porcos

Pois iso algúns son uns porcos, pero porcos con maiúsculas, o ou os que tiraron esa pasta asquerosa que non seca, é como unha crema. O peor xa non é iso é que pasei por aí tres veces en días distintos e cada vez aumentaba a mancha xa case non se podía pasar polo camiño.
A pasta gris estaba nun camiño preto de Monteventoso, loxicamente en un lugar apartado.

 
   

Viveiro: Monte de San Roque e eucaliptal de Chavín

P6140061

   
Localización: Concello de Viveiro
Data: 14 de xuño de 2009
Distancia: 13,04 Km. (sin contar con o de Chavín)
Como chegar: Vindo do sur pola estrada C-642 en dirección Ribadeo, aínda no centro urbano, xusto despois de pasar a estación de autobuses, viramos á dereita no primeiro cruce sinalizado cara ao monte de San Roque. Só resta seguir as sinalizacións. Nós deixamos o coche no parque de animais en catividade.
O eucaliptal de Chavín está a sete quilómetros de Viveiro, pola estrada LU-540, a Viveiro-Vilalba. En Altamira continuamos pola estrada LU-161 a Naseiro e Chavín, nunha chaira preto da ermida de Calvoso deixamos os coches.

Comentarios: Cando chegamos a Viveiro o día pechouse de néboa e arriba no monte aínda máis co cal acabamos mollados e sen ver absolutamente nada.
O monte de San Roque é un miradoiro natural (iso contáronme) sobre a totalidade da ría e parte da costa, o núcleo urbano de Viveiro e a illa da Coelleira, xa no Vicedo. Hai áreas recreativas, cunha chea de mesas por todos lados, e un campo de tiro a parte do xa mencionado parque de animais en catividade, especialmente gamos. Seguir lendo Viveiro: Monte de San Roque e eucaliptal de Chavín »

Mina-Lago das Pontes de García Rodríguez

 

P6130018

   
Localización: Concello de As Pontes de García Rodríguez
Data: 13 de xuño de 2009
Distancia: 23,21 Km.
Como chegar: Nas Pontes de García Rodríguez, a praza do Hospital, no centro da cidade, continuase pola avenida de Galicia en dirección noroeste ata unha curva, aquí séguese pola rúa de Pardo Bazán, a ruta comeza unha vez pasado o campo de fútbol.

Comentarios: A ruta en cuestión percorre o borde da antiga mina, e proximamente un lago, que Endesa escavou para extraer o lignito para a central eléctrica.
O inmenso lago artificial alcanzará os 547 hectómetros cúbicos, que equivalen a 547.000 mil millóns de litros de auga, isto é moita auga. Ata agora ven como dúas lagoas, pero chegará a ocupar 865 hectáreas, unha superficie maior que a cidade da Coruña. Alcanzará un perímetro de 17,8 quilómetros, con cinco de longo por dous de ancho e unha profundidade máxima de 206 metros.
O lago alcanza xa os 70 metros de profundidade nalgunhas zonas. Terminarase de encher en 2011, cáptanse anualmente 120 hectómetros cúbicos de auga do río Eume a través dunha canle de 3,3 quilómetros que conecta o río coa antiga mina. Nos meses estivais paran para manter o caudal ecolóxico do río que atravesa o parque natural das Fragas do Eume. Seguir lendo Mina-Lago das Pontes de García Rodríguez »